A ars subtilior (en galego: "a arte máis sutil") é un estilo música caracterizado pola complexidade no ritmo e na notación, centrado arredor de París e Aviñón, no sur de Francia, e tamén na Coroa de Aragón a finais do século XIV.[1] Este estilo tamén se atopa no repertorio chipriota francés. O termo utilízase adoito en contraposición ao de ars nova, que se aplica ao estilo musical do período anterior, que abrangue desde arredor de 1310 ata 1370, aínda que algúns investigadores prefiren considerar a ars subtilior como unha subcategoría do estilo anterior.
O termo ars subtilior foi cuñado pola musicóloga Ursula Günther en 1960 para evitar as connotacións negativas dos termos "estilo manierista" e "notación amaneirada". Günther baseouse nas referencias existentes no Tractatus de diversis figuris, atribuído a Philippus de Caserta, sobre como os compositores se movían cara a un estilo "post modum subtiliorem comparantes" e desenvolvendo unha "subtiliter magis artem").[2][3]